Monday 29 de April de 2024

O Pleno aproba unha dedicación exclusiva de 46.500 euros para o alcalde de Noia


Aprobada unha modificación de crédito de 190.500 euros para aumentar as partidas de servizo de axuda no fogar, emerxencia social e bolsas de comedor e material escolar
O Pleno ordinario de xullo aprobou unha dedicación exclusiva de 46.500 euros para o alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, que utilizará a dedicación exclusiva da que dispoñía a concelleira Mariola López Cierto, quen presentou na sesión a súa renuncia á acta de concelleira por motivos familiares. Unha dedicación que contou co voto favorable do PP e do NOIA, a abstención do BNG e o voto en contra do PSOE e a Marea.
O alcalde explicou que a contía a percibir pola dedicación exclusiva é de 46.536 euros brutos/anuais o que, para este ano, traducirase nunha retribución de 19.390 euros e 4.884 euros para a seguridade social. “É o equivalente á retribución que recibo como inspector de saúde pública”, puntualizou Freire Abeijón, quen lembrou tamén que “hai unha persoa que, por motivos persoais, adoptou a decisión de deixar a acta e iso suporá reestruturar as áreas de Goberno e que quedaba vacante unha dedicación exclusiva que agora recolle o alcalde”. Santiago Freire lamentou a postura do voceiro da Marea Cidadá de Noia a quen lle lembrou que “non é bo para a saúde democrática facer esaxeracións sobre contías que non se axustan para nada á realidade e que o único que buscan é intentar confundir á opinión pública”. Unha aseveración que o alcalde defendeu con cifras: “en abril e maio percibín 240 e 180 euros, as mesmas que cobrou vostede como voceiro da oposición. En xaneiro foron 690, en febreiro 810, en marzo 300, en xuño 900 e en xullo 870 euros. Se fixera vostede honor á realidade, non podería falar de ningún dispendio”.
Servizos sociais e deportes
Onde si houbo unanimidade foi na aprobación do expediente de modificación de crédito 2/2020 por un importe de 190.500 euros, con cargo ao remanente de Tesourería para gastos xerais de 1,49 millóns de euros. Uns cartos que irán destinados principalmente á confinanciación do Servizo de Axuda no Fogar (160.000 euros), así como a Emerxencia Social (10.000 euros) e bolsas de material escolar (30.000 euros) e de comedor (5.500 euros). Santiago Freire explicou que “non sabemos a evolución da pandemia, por iso se fai este esforzo para poder así afrontar calquera necesidade que xurda nos próximos meses”. Neste sentido, especificou que “a maior partida vai destinada ao Servizo de Axuda no Fogar porque é preciso cofinanciar este servizo despois dos incremento das achegas realizadas pola Xunta de Galicia que permitirán ter máis horas e máis persoas usuarias deste servizo”.
Así mesmo, o Pleno aprobou tamén o expediente de modificación de crédito 3/2020 por un importe de 69.279,73 euros, con cargo ao remanente de Tesourería para gastos xerais. Uns cartos que irán destinados tanto a actividades deportivas (campamentos e obradoiros de verán, torneo de tenis, travesía a nado, campionato de xadrez, campionato de triatlón, andainas solidarias, quedada mototurística, baloncesto…) como a actuacións de reparación e posta a punto da piscina municipal e mobiliario para o conservatorio de música Felipe Paz Carvajal. Un expediente que foi aprobado cos votos a favor de PP, NOIA e BNG, e coas abstencións de PSOE e Marea.
Pago de facturas
Finalmente, os votos en contra de PSOE, Marea e BNG, unidos á abstención do NOIA, impediron a aprobación dun crédito extraordinario de 346.000 euros para o pago de facturas a provedores por traballos realizados este ano 2020. O alcalde de Noia explicou que estas facturas “poden pagarse por transferencias de crédito pero iso suporía que poderíamos encontrarnos sen fondos nesas partidas se xurdiran novas necesidades. O que pretendemos é aplicalas ao remanente de Tesourería, sobre todo cando non sabemos se eses cartos poden estar comprometidos, xa que incluso se fala de que os vaia a usar o Estado”.

NOIA e Marea pediron que a cuestión quedara sobre a mesa, cousa que rexeitou o alcalde porque “non procede. Son gastos realizados. A situación non vai mudar se se trata máis adiante. Os provedores teñen realizado o seu servizo e teñen que cobrar. Outra cousa é a estratexia política de cada grupo. Despois, que cada quen saque as súas conclusións”.
Os tres grupos da oposición xustificaron o seu voto en contra na existencia de facturas sen consignación orzamentaria previa, “unha práctica que debe corrixirse”, admitiu Freire Abeijón, quen lembrou que “facturas do 2014 e do 2015 con importes moito máis elevados ca este foron pagados no 2016. Pero isto que traemos hoxe aquí é un expediente con facturas principalmente dos meses de maio, xuño e xullo. Son facturas moito máis recentes e sobre as que se deron todas as explicacións”, tanto en Comisión como en Xunta de Voceiros.
Renuncia Mariola López
O momento máis emotivo da sesión foi a toma de coñecemento da renuncia de Mariola López Cierto como concelleira de Comercio e Hostalería, Parques e Xardíns, Promoción Institucional e Ensino por motivos familiares. “Foi unha decisión moi dura pero hai momentos na vida nos que hai que tomalas. Foi unha honra e un orgullo. Quero agradecer a colaboración de todos os traballadores do Concello e tamén aos compañeiros de corporación pola súa axuda”, explicou entre bágoas unha emocionada Mariola López, quen tivo palabras especiais para os compañeiros do Grupo de Goberno, “que máis que compañeiros somos amigos, e grazas tamén á miña xente que viñeron a despedirme hoxe aquí”.
Todos os voceiros dos grupos municipais recoñeceron o bo talante e o traballo desenvolto por Mariola López. “So teño palabras de eloxio para Mariola”, afirmou Freire Abeijón, quen lle agradeceu “o traballo realizado nos últimos anos nas distintas áreas nas que tivo competencias. Un traballo dilixente e eficaz, sendo sempre unha persoa boa no trato cos veciños”.
Mocións

Antes de que a sesión se interrompera pola chegada da medianoite, o Pleno aprobou por unanimidade tres das mocións presentadas. A petición do BNG, o Concello estudará a retransmisión das sesións plenarias por streaming o máis pronto posible; mentres que se debaterá nunha Xunta de Voceiros a posible data e emprazamento da homenaxe ás vítimas da Covid-19 e ao persoal sanitario proposta polo PSOE.
Finalmente, o pleno deu o visto bo a unha moción conxunta dos tres grupos da oposición sobre conciliación. “Todas as suxerencias son útiles”, apuntou Freire Abeijón, quen lembrou que “este ano se programaron as actividades nun tempo reducido pola situación da pandemia da Covid-19 que fixo que incluso haxa Concellos que decidiran non ofertar estas actividades”. Neste sentido, a concelleira de Xuventude, Laura Salgado, fixo un resume da oferta de conciliación posta en marcha polo Concello de Noia para este verán e que “damos un servizo de 8 horas diarias con actividades para os nenos e nenas do municipio”.
Entre estas actividades figuran os Campamentos de Verán, as Tardes de Verán, as actividades deportivas…. “e todas as actividades con monitores de Noia, con empresas de Noia para axudarlles tamén a saír adiante nestes tempos”, puntualizou Salgado García.